“A CASA DA MINA”; Mª Carmen Caramés Corgal. Ed. Alveiros, 2022; pp. 322

Galiza xogou un papel estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial e nela houbo un atafegado tránsito de persoas  e intereses cruzados entre as potencias en conflito. Desde a loita encarnizada entre os servizos de espionaxe inglés e nazi ata o trasfego das embarcacións da Kriegsmarine, pasando polo aproveitamento e control do volframio, así como a aparición de redes de salvamento. E vannos chegando por contagotas novelas relacionadas con esta temática.

“A casa da mina” é, en esencia, unha novela de amor porque o relato se focaliza en Sara, un personaxe puro e inxenuo. Pero este relato, que parece centrarse no escepticismo dunha moza pobre que desconfía da democracia do amor porque a diferenza social e a falta de autoestima inherente á súa pobreza non llo permite  (e que o lector segue con certo desacougo na esculca de se Hannes é ou non tan bo como parece), acaba por dar un xiro de 180 graos e entrar de cheo no relato de espionaxe.

Sempre consideraremos un mérito que unha novela, á parte de manter unha trama de interese que cative ao lector, estea ben escrita e esta conségueo abondo. Narrada en primeira persoa, cunha prosa estiliza e un discurso intimista, a protagonista relátanos un conto de fadas cun claro paralelismo, como ela recoñece, coa Cinsenta. Sara procede dun extracto social baixo, cunha infancia e mocidade xunguidas pola fame e a escaseza, pero que grazas ao amor acada unha posición moito máis elevada. Un soño cumprido, porque ela sempre marcou no seu horizonte vencer a condición de pobre (sen que o matrimonio fose a meta).

Temos, pois, diante nosa unha novela de formación e feminina. De formación, non só porque as vicisitudes polas que atravesa Sara a levan a emprender camiños onde a súa bagaxe cultural, social e económica se van transformando, senón porque, como se di coloquialmente, a fame aviva o enxeño e a Sara non lle quedou outra que ser precoz na aprendizaxe da vida para tratar de evitar os moitos golpes que a necesidade lles procuraba a ela e á súa nai. E feminina porque está inzada de sororidade: nai e filla, Herminia, Rosa… Sendo unha novela de amor, agardaríase que fose Hannes quen lle amosase o camiño na andaina que emprenden xuntos, porén é Rosa, a serventa doméstica (e algo máis), quen lle ensina a comportarse como se espera da esposa dun enxeñeiro, así como quen toma as rendas da situación cando Sara é superada por un escenario que lle é completamente alleo.

Sara, como moitas outras criaturas da posguerra, nunca puido desfrutar da infancia nin da adolescencia pola dureza con que a vida a tratou. Dese trato desapiado xorde un punto curioso na novela, que é o crime do pai. Esta morte accidental, resultado dunha disputa, non crea nela ningún tipo de trauma, dado o odio que sentía polo pai. Parece un acto de xustiza poética en compensación polos malos tratos causados, porén, aínda que non sei se é intención da autora, o crime reflicte o fráxil fío que separa a honestidade e a conduta irreprochable da nai e filla da ocultación e o finximento. Despois, o suceso practicamente desparece da novela, como se nunca tivese acontecido.

En fin, Carmen Caramés, gañadora da XXII edición do Premio Risco de creación literaria, conseguiu con “A casa da mina” crear unha novela que sabe agochar moi ben outros xéneros baixo a aparencia dunha obra de corte romántico, cunha trama ben concibida e cun hábil manexo da lingua, onde a protagonista  fai unha defensa, case apoloxía, moral da dignidade da clase humilde.

Deixar un comentario